ANIMATE A PARTICIPAR!
DESDE O DÍA 27 DE MARZO DE 2019 FICA ABERTO O PRAZO PARA PRESENTAR PROPOSTAS DE COMUNICACIÓNS LIBRES.
LIÑAS TEMÁTICAS
Proponse tres liñas temáticas principais (experiencia, actualidade e modelos externos; o teatro e os públicos e a creación e os seus procesos), definidas por un conxunto de liñas de traballo máis específicas, Estas suxestións, feitas co ánimo de abrir novas posibilidades de coñecemento e convidar ao diálogo entre disciplinas, en ningún caso serán aplicadas de maneira excluinte, tendo cabida neste encontro calquera proposta pertencente aos ámbitos xerais de estudo da arte dramática.
1. EXPERIENCIA, ACTUALIDADE E MODELOS EXTERNOS
O teatro en Galicia inicia a súa refundación nos anos cincuenta e sesenta após a traxectoria trazada a principios de século polas Irmandades da Fala. A actividade teatral concéntrase nos grupos de asociacións culturais, nos teatros de cámara e nos TEU universitarios, e o compromiso e o galeguismo dalgúns dos seus membros había de dar pé ao nacemento en Galicia do Teatro Independente coas súas fases de eclosión (1965-1973) e desenvolvemento (1973-1978) o que levaría á aparición do Novo Teatro Galego coas primeiras compañías profesionais e grupos estables que destacarían polo compromiso político e cultural e polo uso do idioma galego como característica fundamental.
O teatro galego, tal e como se entende hoxe, forxaría o horizonte do seu futuro nesa época. As compañías e grupos independentes do Teatro Galego tiveron ata 1980 un punto de encontro fundamental no que tratar a súa problemática: a Mostra de Teatro Galego de Ribadavia.
Se nos anos setenta a actividade teatral comezaba a súa profesionalización con algo máis de liberdade pola abolición da censura (1977), nos oitenta daría un salto cualitativo coa chegada da autonomía para sentar as bases do actual sistema escénico. O nacemento de diversas compañías profesionais de teatro, a creación do Centro Dramático Galego, o Arquivo da Imaxe, a Televisión e a Radio Galega, foron logros dese tempo. A posterior creación do IGAEM, que despois se transformaría na AGADIC; a creación dos Circuítos Teatrais; o sistema de subvencións e de apoio institucional ás compañías profesionais de teatro; a dotación e posta a punto de diversos espazos escénicos de titularidade municipal; a creación da Rede Galega de Teatros e Auditorios e, xa máis tarde, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia configuraron un tecido teatral que semella paralizado desde hai máis dunha década. De aí a necesidade de analizarmos a situación actual e as súas posibilidades de desenvolvemento para construír un sistema máis forte e máis eficaz, tendo en conta as características do feito teatral e a situación actual do teatro en Galicia, ben como o seu estudo comparativo con experiencias e modelos de fóra, na procura de novas formulacións para un futuro mellor.
A EXPERIENCIA ACUMULADA
Análise do proceso de profesionalización.
Evolución das programacións teatrais últimos 20 anos.
Os espazos escénicos: análise evolutiva.
RETOS ACTUAIS
A crise da profesión teatral e os seus oficios; conflitos laborais e sociais.
As programacións teatrais en Galicia.
Por un teatro inclusivo.
MODELOS EXTERNOS (produción, exhibición, distribución; relacións coas administracións e coa sociedade)
O modelo portugués.
Outros modelos europeos.
Modelos americanos.
2. O TEATRO E OS PÚBLICOS
O teatro, como arte e como instrumento de comunicación, segue a ter no público a súa principal razón de ser. Nun mundo de evolución imprevisible e en permanente estado de cambio, moita xente continua acudindo aos teatros, a pesar das crises e dos mil arremesos dos que é obxecto por parte dunha oferta de ocio cada vez máis personalizada, omnipresente e portátil. Aquela vella pregunta sobre quen é o público e onde se atopa xa non cabe formulala en singular. Cómpre falarmos de públicos: fragmentarios, sinuosos, autónomos, resistentes a catalogacións fáciles e mesmo aos omniscientes algoritmos informáticos. Públicos que se renovan, que medran paseniñamente, que consolidan espazos e programacións, que nutren de vida e calor aos artistas. Desde este Congreso queremos reflexionar sobre os públicos e facilitar o seu traballo, que é condición indispensable do noso.
A CREACIÓN TEATRAL E O PÚBLICO
Dramaturxia da recepción.
Teatro e lingua.
Teatro e diversidades.
DISTRIBUCIÓN TEATRAL, CIRCUÍTOS, FESTIVAIS E PÚBLICOS
Modelos de organización das ofertas teatrais para a cidadanía.
O papel das mostras e festivais galegos na consolidación do sistema teatral.
Outros mercados. Exportación teatral.
INFORMACIÓN, INVESTIGACIÓN E FORMACIÓN TEATRAL
Información, promoción e crítica teatral.
Edición, investigación e documentación.
Formación teatral.
3. A CREACIÓN E OS SEUS PROCESOS
Tal vez o momento máis transcendental en todo acto de creación artística sexa o punto de encontro entre o emisor e o receptor. Este momento adquire unha especial importancia se a arte en cuestión é efémera. Na arte dramática ese punto dáse na relación que se establece entre o escenario e o patio de butacas, entre a escena e os espectadores, entre o teatro e o seu público; en definitiva, entre os creadores e a sociedade a que estes se dirixen. Esta relación que, no caso do teatro, está condicionada non só polo espazo senón tamén polo tempo: a creación e a recepción son simultáneas, determina o punto básico a partir do que se constrúen os alicerces do proceso de asunción social do feito teatral. Seguramente, sen asunción colectiva, unha arte tan definitivamente social como é a arte dramática, presenta poucas posibilidades de desenvolvemento real.
A CREACIÓN ARTÍSTICA
As fronteiras artísticas do Teatro.
Creación teatral e sociedade.
Relación entre os diferentes corpos creativos.
PRODUCIÓN E XESTIÓN
A produción de espectáculos.
Os teatros e outros espazos escénicos como elementos de produción.
Corpos técnicos e de xestión.
PROPOSTAS DE FUTURO
A creación: novos modelos organizativos.
Relación entre os diversos axentes teatrais.
Políticas Culturais.
Academia Galega de Teatro. Rúa Álvaro Cebreiro, 15 – 1º 15003 A CORUÑA